E se a patria esixe o teu sangue…

@rosaliadiazcreativa

Eran coma irmáns. Xuntos creceron no mesmo barrio e xuntos alistáronse para a guerra. Xuntos padeceron o duro e inclemente adestramento e xuntos partiron cara ao horror da fronte. Xuntos entraron  en combate e xuntos experimentaron o valor que agromaba das mesmas raíces do medo. Xuntos sobreviviron en ensangrentadas padiolas paralelas. Un aos asañados orificios das armas inimigas; o outro á derrota absoluta da súa propia arma.

E se nin a verdade é xa posible…

Eles arranxaban o mundo en longas xuntanzas clandestinas mentres fumaban e consumían cubatas. Os militares sepultáronos nun submundo do que nin sequera o cine daba noticia. Só un sobreviviu apoiado nos resortes máis incógnitos dunha enteireza insospeitada: el. Cando estaba a piques de dar cumprido testemuño da infamia padecida, un simple mal paso, un golpe fortuíto e perdeu a memoria para sempre.

E se o máis probable é a cegueira…

Envoltos en remuíños de po os seus filosos calcañares, os nenos acosaban unha desaxeitada pelota de trapo. Saltaban sobre as súas pernas de garza, co mesmo traballoso afán dos triunfadores nos máis grandes estadios. A morte,  altiva, luminosa e desapiadada, mirábaos desde o alto e arrebataba brillos de caoba á súa pel sen zume e brancos escintileos aos seus ollos negros como a fame e aos seus dentes desnortados. O Sol derretía os goles nun xogo sen sentido.

E se a desesperanza é só un pesadelo…

Somos millóns de gargantas roñando coma porcos ao amencer, porque nos molesta a luz que nos devolve á vida e queremos seguir sendo vampiros, queremos seguir sendo inmundos seres condenados a non completar xamais o tránsito que vai da vida á morte. Penar eternamente, porque ninguén poderá chegar xamais ata nós cunha aguzada estaca de madeira que esnaquice de forma definitiva o noso corazón exangüe. Oh, tráxicos vampiros, escuras criaturas da noite que habita en todos os cerebros espantados, ouveade, ouveade sen tregua contra a alba! Todos contra a alba, sexa ese o lema!

E se no teu triunfo está a túa maldición…

-Canto tempo! Como me alegro de atoparte! De verdade, tío; motísimo, alégrome moitísimo.

-Certo, si, moito tempo. Canto fará que non nos vemos?

As cervexas exhalaban bafo xeado e líquido sobre o mostrador.

-E que foi de ti? A que te dedicas?

-Son enxeñeiro de camiños, canles e portos.

-Caramba! Que ben!

-E ti? Que fas?

 -Algo parecido. Levanto diques de contención; constrúo represas para embalsar a indignación dos pobos humillados.

-Que ben, non?

-Si, si. Moi ben.