coronavirus
@rosaliadiazcreativa

Non estaba previsto, nin de lonxe!, que esta web nacese directa e bruscamente no centro mesmo da traxedia global máis espantosa que nos tocou vivir aos que agora mesmo estamos vivos. E digo global, porque en cantidade dun sinfín de lugares concretos –témolos todos na mente– estánse a dar neste noso presente e déronse no pasado máis próximo brutais traxedias que superan e superarán en infamia e barbarie esta que padecemos hoxe.  

Esta páxina ten un propósito puramente literario. Supoño que será posible para algúns exercer unha literatura de costas á política, afastada de calquera compromiso social o de calquera interese colectivo. Eu non son, nin nunca fun, un deles. Sempre escribín concernido por todo o que acontecía no miña contorna máis inmediata e en todas as contornas convulsas, máis ou menos cercanas, que, inevitablemente, me interpelan. Xa que logo, por moita esencia literaria que quixese imprimir aos contidos que irán enchendo este espacio, o certo é que sempre serán, inevitablemente tamén, políticos. Non pode ser doutro modo. Incluso a lírica máis requintada leva dentro de si fondas semánticas políticas. 

Esta hora, a hora do COVID-19, o coronavirus, é unha hora crucial. Querámolo ou non. Supera a nosa intención o noso oportunismo o noso individualismo o noso egoísmo. Ningún proxecto colectivo poderá, de agora en adiante, plantexarse sen pasar polo máis alambicado filtro, necesariamente grave, necesariamente rigoroso, necesariamente capital, que a conmoción global desta pandemia impón. 

Esta web nace, si, nos tempos do coronavirus. Nunca pensamos que algo semellante puidese chegar a acontecer, acontecernos. Fumos igual de necios que todos os demais que tampouco non o pensaron, pese a que, hoxe vémolo con nídia claridade, os sinais vermellos viñan sendo, teimudos, moito máis que evidentes.

Unha cousa si podo asegurarvos. As reflexións que me concita esta tremenda traxedia, no meu interior xa estaban todas. Iso si, agora resultan máis frementes, máis perentorias, máis esixibles, máis irrenunciables. 

O COVID-19 a min, e espero que a maioría dos meus contemporáneos, cando aínda é unha ameaza que debemos temer, mais perante á que temos a obriga de resistir, fíxome máis forte, robusteceu as miñas conviccións e, por tanto, tamén enforteceu a miña vontade de plantexar as esixencias irrenunciables.

Non esquezamos que, fronte ao poder devastador, cego e bestial deste inimigo invisible, aínda que moito máis nobre que a incuria programada, delictuosa e mendaz dos que fixeron posible a súa inasumible capacidade devastadora, quen loitan corpo a corpo son os de abaixo, os que sempre perden todas as guerras aínda que as gañen. 

Non vos enganedes, o coronavirus non pasará nunca, nunca, se non somos nós, aqueles que antano sabíamos que debíamos ser chamados pobo, que o derrotemos. E para iso cómpre, inexcusablemente, derrotar a quen nolo trouxo e nos botou espidos e inermes contra el.

Quero xogar limpo. Convén que teñades todo isto en conta se pensades visitarme neste espacio.

Aberto está, en calquera caso, para seren compartido.