Ilustración de Rosalía Díaz

Se é verdade, se a é, se o segue sendo, que sempre sempre nos queda a palabra acollámonos a ela, entreguémonos a ela, abandonémonos nela. Se é verdade que a salvación a achega a palabra, se iso é verdade, se o segue sendo, loitemos por ela ata o fin das nosas últimas forzas.

DICIONARIO DA REAL ACADEMIA PARA TEMPOS DE DEFUNTOS.

morte

Do lat. mors, mortis.

1. f. Cesamento ou termo da vida.

2. 2. f. No pensamento tradicional, separación do corpo e a alma.

esquecemento

De esquecer.

1. m. Cesamento da memoria que se tiña.

2. m. Cesamento do afecto que se tiña.

3. m. Descoido de algo que se debía ter presente.

 Memoria

 Do lat. memoria.

1. f. Facultade psíquica por medio da cal se retén e lembra o pasado.

2. f. Recordo que se fai ou aviso que se dá de algo pasado.

vida

Do lat. vita.

1. f. Forza ou actividade esencial mediante a que obra o ser que a posúe.

2. f. Enerxía dos seres orgánicos.

3. f. Feito de estar vivo.

9. f. Tempo que transcorre desde o nacemento dun ser ata a súa morte ou ata o presente. 17. f. Existencia despois da morte.

DICIONARIO DA REAL ACADEMIA PARA TEMPOS DE DEFUNTOS.

É a vida despois da morte unha verdade semántica instaurada no Dicionario? O Alén, a Vida Eterna fican consagrados polo círculo arbitrario dos sisudos académicos? Como pode ser iso? Tanta forza teñen? Tanto quitan ou poñen unha til como deciden, iso si, en décimo sétimo e último lugar, que a vida é a existencia despois da morte. Pero a morte está descrita coa máxima crueza noutra entrada dese Dicionario que vimos empregando. Benditas palabras que deben soportar a pesadísima carga do que non desexarían ser.  Como cada un de nós, se cadra. Pero iso, naturalmente, é cousa de cada un de nós.

1. m. Cesamento da memoria que se tiña.

2. m. Cesamento do afecto que se tiña.

3. m. Descoido de algo que se debía ter presente.

Esquecemento. Aí é onde habita a morte con toda a súa absoluta realidade. No esquecemento. E, con todo, o DICIONARIO é miserablemente mesquiño coas dúas palabras que deberían salvarnos da morte. Memoria ou Recordo. Remítenos ao pasado, sen afecto ou desafecto, como unha facultade mecánica de recuperar cousas remotas. Nada di da derrota que a Memoria infrinxe ao Esquecemento, nada, pois, da vitoria da vida sobre a morte. E se é a vida a que vence, a memoria non é pasado que é presente. Por iso, a vida dos nosos mortos, desde o primeiro que podamos lembrar, ata o último que non será outro que un mesmo, pode perdurar na palabra, non vou dicir que non, pero perpetúase e consúmase no recordo voluntarioso, infatigable, imprescritible, exercitado cada día.

Sen a vixencia rotunda da memoria dos nosos mortos, a quen, probablemente, debámoslles todo, que seriamos? Unha sombra efémera, talvez.

Poida que a palabra non salve. Que nos salve, se pode, a memoria.